O medio máis utilizado para a transferencia de saberes e experiencias é a tradición oral, a que representa un fenómeno complexo e dinámico en todas as sociedades. As múltiples definicións que podemos atopar coinciden en sinalar que a súa riqueza baséase na reprodución sociocultural dunha sociedade, daquelo que xulga esencial a transmitir e que pode conformarse de diferentes xeitos –códigos éticos e morais, mitos, música…-. A oralidade está en continua transformación e cambio, moldea as súas estruturas, constantemente se enriquece de novos elementos e perde outros contidos. É dicir, a oralidade é un dos elementos principais daquelo que denominamos cultura e adquire o seu rasgo de adaptación. A oralidade, polo tanto, supera o seu aspecto verbal e as palabras relaciónanse cos xestos e obxectos ao cal se ligan de xeito imbricado.


A pesares de que a oralidade está presente en todas as facetas da cultura, a construción do patrimonio cultural en occidente realizouse principalmente a partires da valoración das características histórico-artísticas e foi así como o monumento se erixiu en símbolo da identidade sociocultural, ben sexa este en forma de construción edificada ou en forma de obxecto... Sen embargo, o obxecto non xoga o mesmo papel en todas as sociedades, e a vinculación co pasado realízase de tal xeito que o obxecto ocupa un papel secundario. Así, a mediados do século XX os obxectos deixan de constituír o foco de atención e cobran importancia os grupos sociais que os seleccionan e definen como patrimonio e o concepto de ben cultural é un paso máis na concepción do patrimonio, ao destacarse que o importante neste son os valores que representa e non as súas características formais. Deste xeito amplíase a idea de patrimonio a calquera manifestación significativa dunha práctica cultural.


A oralidade xoga un papel fundamental na creación e construción do patrimonio, ben material ou inmaterial, que non estivo o suficientemente valorada porque se asociou o patrimonio ao produto final, o monumento ou obxecto, e deixáronse de lado os compoñentes da súa produción, descontextualizándoos da experiencia que lles deu forma.


Se partimos de que o patrimonio cultural convértese na selección que un colectivo realiza tendo en conta os constrinximentos do medio natural e sociocultural –poder, hexemonía, conflito, diálogo- no que se desenvolve e que poden converterse ou non en referentes ou símbolos identitarios, a oralidade é unha parte máis dese patrimonio que é preciso ter en conta. Así o fixo a UNESCO a través da convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, ao entender a oralidade como un dos ámbitos que o clasifica.


Segundo a UNESCO, enténdese por patrimonio cultural inmaterial (PCI) os usos, as representacións, as expresións,os coñecementos e as técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lle son inherentes–que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Este patrimonio cultural inmaterial, que se transmite de xeración en xeración, é recreado constantemente polas comunidades e grupos en función da súa contorna, a súa interacción coa natureza e a súa historia, infundíndolle un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo así a promover o respecto da diversidade cultural e a creatividade humana (Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial).

 

 

 

 

Organización: Cofinanciamento: Apoio:




 

Inspired by Nina